Tuesday 14 de May de 2024

A Consellería de Cultura e Educación concede 131 axudas a estudantes que comezan os seus estudos no sistema universitario de Galicia no curso 2015/2016


O departamento de ensino da Xunta publica a resolución destas bolsas, destinadas a estudantes cunha nota igual ou superior a 5 e inferior a 5,5

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de
axudas para o inicio de estudos universitarios no curso 2015-2016 no Sistema Universitario de Galicia (SUG). En total concédense 131 bolsas, das que 25 corresponden a estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 48 a alumnos da da Coruña (UDC) e 58 a matriculados na de Vigo (Vigo).

A resolución supón unha achega total de case 84.000 euros por parte da Xunta. O importe por beneficiario vai dos 862,9 € para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura e dun máximo de 618,1 € para as titulacións da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

A resolución pode consultarse no enderezo web:
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151231/AnuncioG0164-211215-0001_gl.html.

As bolsas van dirixidas a estudantes que ingresaran neste curso 2015/2016 en algunha das tres universidades do SUG cunha nota media de acceso igual ou superior a 5 e inferior a 5,5. Entre outros, para acceder a estas axudas os aspirantes debían estar matriculados por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do SUG dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao.

A finalidade destas axudas é facer fronte aos gastos derivados da matrícula do alumnado que inicie estudos universitarios e que non cumpre cos requirimentos académicos da convocatoria do Ministerio (que cobre as bolsas a partir dunha nota media de 5,5).